‘Non ao TTIP’, a terceira sesión de Documéntate

O TTIP é un acordo que están a negociar no máis absoluto segredo os EUA e a UE e que procura “a estandarización das  normativas legais a fin de estimular a economía”, segundo a edulcorada versión oficial. Sendo así, non debera representar problema ningún para nós, pero hai que reparar en se é compatible ou non o beneficio das grandes corporacións coas condicións de vida (económicas, sociais, medioambientais) das persoas.

As proteccións que aínda operan nos nosos Estados europeos en materia de protección medioambiental, transxénicos, fracking, dereitos laborais, regulación bancaria, etc. desaparecerían en prol da competencia e en beneficio das multinacionais que accederían a ese negocio en Europa. Se a regulación dun Estado prexudica a unha empresa, esta poderían presentar demanda… non ante os tribunais ordinarios, senón ante os chamados tribunais de arbitraxe: tres avogados cuxas decisións serían vinculantes por enriba do dereito internacional! Tratados de libre comercio semellantes operan xa, por exemplo, en América do Norte, o chamado NAFTA entre os Estados Unidos, México e Canadá. O seu beneficio repercute unicamente sobre bancos e corporacións.

Este mércores 29 de xuño, ás 21:00 horas no local de Veciñanza, a terceira proxección do ciclo ‘Documéntate’ abordará o TTIP. Como sempre, a entrada é de balde e ao remate iniciaremos un pequeno coloquio sobre o visto. Será, de certo, unha magnífica ocasión para informarnos un pouco máis sobre unha ameaza real que está a ser tratada cun desconcertante escurantismo.

Veciñanza levará ao próximo pleno unha moción para declarar Cuntis como municipio oposto ao TTIP e sumarnos así á listaxe de Concellos que xa o fixeron.

documéntate3

Share

Tamén pode gustarche...